O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra do PSdeG, a través da que se demanda ao Goberno de España a posta en marcha das medidas urxentes necesarias para que non se volva repetir o caos que se desata cada vez que se suspende o servizo ferroviario pola causa que sexa, tanto no referente aos medios a dispoñer, información ás persoas usuarias e comunicación e coordinación coas administracións afectadas. Así mesmo, pídese que desbloquee con carácter urxente os proxectos prioritarios en materia de transporte ferroviario que se atopan retrasados e dos que non se teñen novas.
O portavoz popular de Mobilidade, Gonzalo Trenor, demandou “un servizo ferroviario de calidade e homologable co resto de rexións europeas” e lamentou que, “ante esta reclamación lexítima, o Goberno de Pedro Sánchez nos responde con investimentos pendentes; trens convencionais suprimidos durante a pandemia; falta de oferta de prazas e de frecuencias en alta velocidade e media distancia; incumprimento dos horarios, tempos de viaxe e supresión de servizos sen previo aviso; avarías constantes; e problemas coa web e coa compra de billetes anticipada”.
INFRAESTRUTURAS PENDENTES
“Son moitas as infraestruturas que o Goberno central debe acometer en materia ferroviaria en Galicia e que vai demorando, como o Plan Director do Corredor Atlántico; as melloras necesarias nas conexións A Coruña-Ferrol, A Coruña-Lugo, Ferrol-Ribadeo ou Vigo-Ourense; ou a execución de obras importantes para optimizar o AVE Galicia-Madrid en tempos de percorrido, como o impulso da variante exterior de Ourense ou a dotación da dobre vía nos treitos nos que aínda non a hai”, concretou.
Gonzalo Trenor lembrou que “a vaga de lumes deste pasado mes de agosto tivo unha afección moi importante sobre a conexión ferroviaria de Galicia, e a resposta do Goberno central pasará á historia por abandonar a milleiros de persoas á súa sorte”. “Foron máis de 50.000 os viaxeiros afectados e máis de 100 os trens suprimidos”, sinalou o portavoz popular, quen criticou que “a responsa de Renfe e Adif a todas estas persoas e ao caos ferroviario ocasionado foi unha comunicación e información deficientes, a ausencia de alternativas de transporte ou o abandono de competencias e ameaza de demanda aos gobernos autonómicos”.
Diante desta situación, manifestou que “desde a Xunta e tamén desde este Parlamento denunciamos desde hai tempo a necesidade de que Renfe mellore a súa provisión de información ante retrasos, avarías e incidencias que lamentablemente son constantes”, pero lamentou que “o Goberno central non asume as súas competencias e pretende que sexan outros os que asuman as perdas económicas resultado das súas decisións e carencias”.