5 de xullo de 2023. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno de España que ofreza certezas coa aprobación da modificación da planificación eléctrica da rede de transporte para dar viabilidade técnica a proxectos estratéxicos como os de Stellantis, Altri, Forestal del Atlántico, Ignis, Resonac ou Fisterra Energy.
O deputado popular Moisés Rodríguez considerou “clave dispor dunha rede eléctrica axeitada e suficiente que permita avanzar cara un sistema eléctrico baseado en enerxía renovable e garantir un subministro de enerxía seguro, continuo e de alta calidade para todos os consumidores”.
Moisés Rodríguez manifestou que “vémonos na obriga de volver a presentar esta iniciativa porque, por desgracia, o Goberno de Pedro Sánchez non fixo os deberes e non cumpriu os mandatos dos acordos xa aprobados desde Galicia. Neste sentido, lembrou as tres proposicións non de lei xa aprobadas no Parlamento galego e que demandaban levar adiante actuacións de planificación da rede eléctrica. “En todos os casos recibimos o silencio por resposta”, lamentou.
DE 308 A 68 MILLÓNS DE EUROS PARA GALICIA
Na súa intervención, o deputado popular recordou que a planificación da Rede de Transporte de Enerxía Eléctrica 2021-2026, aprobada polo Consello de Ministros no mes de marzo de 2022, “penalizou severamente a Galicia respecto a plans anteriores, ao asignárselle tan só 68 millóns de euros, o 1,1 por cento dun investimento total próximo aos 7.000 millóns de euros, cando no período anterior a comunidade galega recibira 308 millóns de euros, o que representaba naquel momento o 6,7 por cento do conxunto nacional”.
“A planificación eléctrica e o desenvolvemento do sector eólico son dous temas que nos preocupan porque están estreitamente vinculados coa viabilidade e competitividade da industria galega”, sinalou o deputado popular, polo que afirmou que “necesitamos que as industrias galegas poidan ver satisfeitas as súas necesidades enerxéticas con acceso a fontes renovables e con mellores infraestruturas de conexión á rede eléctrica”.
Moisés Rodríguez lembrou que a actual planificación eléctrica “está a poñer en perigo a viabilidade técnica de proxectos como os de Stellantis, Altri, Forestal del Atlántico, Ignis, Resonac ou Fisterra Energy, que supoñen un investimento próximo aos 5.500 millóns de euros e milleiros de empregos”. “Proxectos industriais que gardan sintonía cos obxectivos de sustentabilidade, dixitalización e resiliencia que se están a buscar desde Europa para impulsar o crecemento económico”, apuntou.