O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, sen o voto favorable de BNG nin PSdeG, a través da que se reclama ao Goberno de España os fondos necesarios que permitan poñer en marcha programas específicos de emprego, a raíz do éxito dos proxectos piloto existentes na Comunidade galega.
A portavoz popular de Emprego, Noelia Pérez, lembrou que “Galicia está a afrontar retos en materia laboral, como cubrir as necesidades das empresas coas capacidades das persoas que están buscando activamente emprego, así como reter e atraer talento para seguir sumando capacidades ao noso tecido produtivo”. “E todo isto facéndoo dun xeito ordenado e poñendo un enfoque especial na mocidade”, apuntou.
PROGRAMAS INNOVADORES
Noelia Pérez referiuse aos programas innovadores orientados a conectar a formación coa realidade do mercado laboral que vén desenvolvendo a Xunta, como a estratexia Mocidade Activa, as bolsas de excelencia Mocidade Exterior, os programas Xerme ou Alento, e o proxecto Fixar, “cuxo éxito levou a que Galicia fora recoñecida como Rexión Emprendedora Europea 2025”.
“Son accións que non só buscan a xeración de emprego de calidade, senón tamén a fixación de poboación nas nosas vilas e cidades, cuxos resultados evidencian unha tendencia crecente cara o autoemprego, a aposta pola volta ao rural e a consolidación de novos modelos laborais, como os colivings”, indicou a portavoz popular.
Porén, manifestou que estas medidas e estes resultados “certifican que as políticas de emprego desenvolvidas pola Xunta van polo bo camiño, pero precisamos do apoio do Goberno de España a través dunha distribución equitativa dos fondos europeos e estatais, fundamentais para garantir que todas as comunidades autónomas poidan desenvolver programas adaptados á súa realidade socioeconómica, en especial proxectos relacionados coa xeración de emprego”.