O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra do PSdeG e a abstención do BNG, a través da que se demanda ao Goberno de España que aplique, en colaboración coas comunidades autónomas, un maior nivel de cogobernanza na execución dos recursos previstos no Mecanismo para a Recuperación e a Resiliencia (MRR), nomeadamente, aqueles dirixidos a unha xestión forestal sostible, incluída a loita contra os lumes, chegando incluso a transferir a Galicia os recursos correspondentes, de tal xeito que se favoreza un impacto máis positivo sobre o territorio e sexa posible acadar un maior nivel de execución.
A deputada popular Nicole Grueira lamentou que o Goberno central “optara por un modelo excesivamente centralizado para a xestión dos fondos do Plan Nacional de Recuperación e Resiliencia, uniformizando criterios e procedementos sen ter en conta a diversidade territorial”. “E isto fíxose sen unha cogobernanza real e efectiva coas comunidades autónomas, que son as que ostentan as competencias, dispoñen do coñecemento directo do territorio e teñen capacidade contrastada de execución en moitos dos ámbitos clave deste plan”, indicou.
PROBLEMAS DE DECISIÓNS MAL TOMADAS
Deste xeito, manifestou que, “cando as decisións se toman mal, aparecen os problemas, como convocatorias excesivamente ríxidas que non se adaptan ás necesidades do medio rural, distintos criterios segundo o ministerio que publique a orde de axudas, unha falta absoluta de claridade sobre o réxime de reintegro dos fondos ou a falta dun marco plurianual claro, que non permite ás comunidades autónomas coñecer con antelación os fondos dos que van dispoñer e impide unha planificación estratéxica seria”.
Nicole Grueira reclamou “máis respecto e participación das comunidades autónomas na planificación, deseño e xestión dos fondos europeos, de xeito que respondan realmente ás necesidades reais dos territorios”. Así mesmo, pediu que o Goberno de Pedro Sánchez “mellore os mecanismos de coordinación e garantía xurídica destes fondos europeos ou, no seu defecto, transfira os recursos á Xunta, que xa demostrou capacidade, coñecemento do territorio e solvencia técnica para xestionalos con maior eficacia e impacto positivo”.