O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co voto favorable do PSdeG, a través da que se demanda incentivar a promoción de produtos de proximidade nos mercados locais dos concellos galegos mediante apoios e subvencións específicas dirixidas a esta finalidade.
A deputada popular Nicole Grueira expresou “o firme compromiso cos produtos de calidade diferenciada e de proximidade, xa que son os mellores embaixadores da Galicia calidade dentro e fora das nosas fronteiras”. “Son símbolos dunha Galicia que conserva, que innova e que comparte, e dunha Galicia que hai que coidar”, indicou.
“É importante mercar e consumir produtos de proximidade polo que representan e polas múltiples vantaxes que ofrecer, tanto para os consumidores; como para a transparencia sobre a súa orixe, prácticas de produción ou trazabilidade; para o medio ambiente; e para o rural galego, porque cada vez que compramos un produto de calidade diferenciada estamos apoiando ás explotacións agrogandeiras, ás pequenas industrias agroalimentarias e aos profesionais que os traballan e manteñen vivos os nosos territorios”, manifestou.
FEIRAS TRADICIONAIS
Nicole Grueira considerou “unha prioridade promover a produción e o consumo destes produtos de proximidade e calidade diferenciada” e referiuse, en concreto, ao “compromiso firme da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, que traballa para incentivar a súa promoción e divulgación nos mercados locais dos nosos concellos a través de apoios e subvencións específicas, que só neste ano 2025 ascenderon a 1,2 millóns de euros”.
Para rematar, a deputada popular afirmou que “se hai un espazo perfecto para poñer en valor os produtos locais e de proximidade son as feiras tradicionais, que forman parte da nosa vida comercial, cultural e social, e son un escaparate único para promocionar os produtos agroalimentarios galegos”. “Son lugares onde a xente proba, fala cos produtores e coñece a súa historia e comprobade primeira man o que significa Galicia Calidade”, sinalou.