O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co voto favorable nin de BNG nin de PsdeG, a través da que se insta á Xunta de Galicia a defender, ante as instancias que sexan precisas, incluído os recursos pertinentes ante a Xustiza, o equilibrio e a convivencia entre a protección do lobo e as necesidades dos gandeiros, así como seguir defendendo as accións de control sobre esta especie tendo en conta o estado favorable das súas poboacións.
A deputada popular Cristina Campero asegurou que “non se trata de criminalizar ao lobo, pero tampouco de idealizalo como se o rural fose un decorado para documentais”. Neste sentido, lembrou que a situación actual en Galicia é que existen 93 mandas de lobos, que ocupan máis do 90 por cento do territorio, os avisos por ataques aumentaron un 77 por cento desde 2021 e só no ano 2024 se rexistraron máis de 2.800 reses mortas por ataques deste animal.
IMPOSIBILIDADE DE AUTORIZAR MEDIDAS DE CONTROL
“A Xunta respecta pero lamenta profundamente a imposibilidade actual de autorizar medidas de control sobre o lobo ante danos recorrentes e acreditados no gando”, manifestou a deputada popular, quen indicou que o Goberno galego “xa prepara o recurso fronte á decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia con argumentos sólidos e base científica: primeiro, o cambio normativo producido nos últimos meses que exclúe ao lobo das medidas de xestión por ser unha especie especialmente protexida; dos datos recentes, veraces e técnico-científicos qeu acreditan que o estado de conservación do logo en Galicia é favorable; e o último censo elaborado pola Xunta, que confirma que na actualidade hai 93 mandas fronte ás 90 que existían en 2015”.
Cristina Campero criticou que “o Goberno de España debe 12 millóns de euros a Galicia para apoiar aos nosos gandeiros polos danos causados polo lobo, unha débeda que contrasta cos máis de 31 millóns de euros que a Xunta leva mobilizados desde 2016 en axudas para a prevención e conservación dos danos causados pola fauna silvestre nas explotacións agrogandeiras galegas”.
“O que pedimos é simple: que se cumpra o procedemento e que se nos deixe traballar con sentido común, garantindo o equilibrio entre conservación e supervivencia do rural galego”, sinalou a deputada popular. En concreto, avogou por “facer accións de control proporcionadas, baseadas en datos científicos e a realidade do territorio, porque hai que protexer o lobo, pero tamén hai que protexer a quen vive co lobo todos os días”.
 
			 
  
 