O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, co voto en contra de BNG e PSdeG, unha proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a comprometerse con todas aquelas medidas favorables ao binomio industria e enerxía xerada nos territorios e, en particular, con todas aquelas que esixan aos promotores dos proxectos vender unha parte da enerxía xerada ás empresas da contorna, unha demanda que tamén se fará ao Goberno de España.
O portavoz popular de Industria, Rubén Lorenzo, lembrou que en Galicia “xa se teñen impulsado medidas lexislativas dirixidas a promover a sinatura de contratos de compravenda de enerxía a longo prazo e a un prezo competitivo (PPA) que permitan ás empresas galegas optar a un prezo enerxético estable e predicible, e así contar con certa estabilidade”.
NOVO PLAN SECTORIAL EÓLICO
“En concreto, a través do outorgamento dunha figura de axilización administrativa que comporta prioridade no despacho e redución de prazos á metade na emisión de informes, promoveuse a sinatura deste tipo de contratos a favor da industria galega”, indicou Rubén Lorenzo, quen puxo como exemplo do resultado desta medida os acordos acadados por Alcoa con Enel ou Greenalia; Cortizo con Iberdrola; Leite Celta e Magnesitas do Rubián polo parque eólico de Castro Valente; ou Ferroglobe con Adelanta.
Así mesmo, a través da Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, aprobada o pasado ano, promoveuse a sinatura deste tipo de contratos.
Rubén Lorenzo engadiu que a evolución tecnolóxica do sector e o tempo transcorrido desde as últimas modificacións do Plan Sectorial Eólico motivou que desde o Goberno galego se optara pola tramitación dun novo Plan Sectorial, que permitirá facilitar o binomio enerxía-industria, achegando as infraestruturas enerxéticas ás zonas empresariais; ofrecer máis potencia en menos superficie; reducir o impacto das infraestruturas enerxéticas; e dar unha maior seguridade xurídica.
Para rematar, o portavoz popular salientou “a importancia que ten nestes momentos poñer no centro o binomio industria e enerxía, para o que compre promover eses contratos de compravenda de enerxía de forma xenérica, porque é de vital importancia contar cun prezo enerxético competitivo e estable ao longo prazo para as empresas ao efecto de que sexan viables e máis competitivas coas que se localizan noutros territorios”.