O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta ao Goberno de España a demandar no ámbito europeo a revisión dos criterios de reparto das cotas de Gran Sol, priorizando unha distribución máis equitativa; e apostar por melloras nos sistemas de avaliación científica, incorporando datos máis precisos sobre os stocks de pesqueiras en zonas como o Atlántico Norte, baseándose en índices que reflictan as condicións reais das augas galegas.
O portavoz popular do Mar, Miguel Fidalgo, considerou lamentable que, “unha vez máis, o Goberno de España non conseguiu, na reunión do Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea celebrada a comezos do pasado mes de decembro, reducir os recortes que se expuñan para varias especies, entre elas e especialmente a pescada, o xurel ou a xarda”.
MELLORA DAS POSIBILIDADES DE PESCA
“O Goberno de España nin fixo ben o seu traballo nin negociou correctamente a repartición de cotas do Gran Sol”, criticou Miguel Fidalgo, quen asegurou “non entender os golpes de peito cando o acordo acadado co Reino Unido supón unha gran baixada na pescada do caladoiro do Atlántico Norte, o que repercutirá nunha perda de ingresos para a economía galega de 54 millóns de euros”.
Fidalgo insistiu que “defender a mellora das posibilidades de pesca ten que ser a principal obriga do Goberno de España alí onde se negocie, porque pescar máis e pescar mellor é compatible cos obxectivos da Política Pesqueira Común: garantir a sustentabilidade da pesca desde o punto de vista ambiental, económico e social”.
Ademais, apuntou que “as decisións comunitarias deben adaptarse á realidade das rexións pesqueiras e, por iso, desde o PPdeG esiximos un compromiso firme por parte do Estado español na defensa dos intereses do sector pesqueiro galego”.