O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita que a Xunta desenvolva accións divulgativas que axuden a difundir o legado científico e político do matemático Rodríguez no bicentenario do seu falecemento.
Pedro Xosé Rodríguez e González naceu na parroquia lalinense de Bermés en 1770 e foi un dos matemáticos e astrónomos galegos máis destacados do século XIX. “O seu traballo foi fundamental para o desenvolvemento da ciencia moderna e a creación de sistema métrico decimal, pero, a pesar das súas aportacións, é un deses nomes que ficaron esquecidos co paso do tempo e a maioría dos galegos na actualidade descoñecen a importancia do seu traballo”, manifestou o deputado popular José Luís Ferro.
BOA OPORTUNIDADE
A celebración neste 2024 do bicentenario do falecemento en Santiago de matemático Rodríguez “é unha boa oportunidade para que institucións públicas e axentes culturais colaboren na divulgación do seu legado entre todos os galegos e galegas”, dixo o deputado popular, quen lembrou que xa se están a realizar algunhas actividades, especialmente vinculadas ao concello de Lalín.
Ademais, a Real Academia Galega de Ciencia escolleuno como Científico galego do ano, polo que se lle renderá unha homenaxe o vindeiro 8 de outubro. Porén, José Luís Ferro considerou “oportuno e necesario que durante os vindeiros meses se programen actividades para dar a coñecer a figura do matemático Rodríguez e as súas contribucións ao conxunto da sociedade”.