Santiago, 6 de outubro de 2022.- O Parlamento galego aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta á manter unha estreita colaboración e cooperación coas asociacións que tratan os problemas de adicción ao xogo apoiando a realización de actividades e campañas informativas.
O viceportavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, manifestou que “os problemas de adicións relacionadas co xogo afectan cada día a un número crecente de cidadáns, e iso obriga a unha actuación responsable de todos os actores relacionados coa súa regulación e co seu control, co obxectivo de que esta actividade se poida desenvolver de maneira responsable”.
Neste sentido, lembrou que o Goberno galego xa aprobou un proxecto de Lei do xogo, que “actualiza a regulación nesta materia escoitando a todos os implicados”, e convidou aos grupos da oposición “a poñer enriba da mesa as súas propostas para mellorar este texto lexislativo”.
BENESTAR DOS MÁIS VULNERABLES
“Non pretendemos a demonización dunha actividade totalmente legal, pero si velar polo seu uso responsable”, subliñou Alberto Pazos, quen engadiu que “o xogo responsable implica unha decisión informada e educada por parte dos usuarios, sen máis obxectivo que o entretemento e a distracción”. “Cando non se produce nesas circunstancias, nos atopamos ante supostos de xogo problemático ou do xogo patolóxico e, consecuentemente, ante unha perda do control dos impulsos que aparella graves consecuencias”, engadiu.
Pazos considerou “unha obriga da administración velar polo benestar dos máis vulnerables, especialmente dos máis novos, pero é importante facelo da man dos que máis experiencia acumulan”, como son as organizacións específicas Agalure (Asociación galega de ludópatas en rehabilitación) ou Agaja (Asociación gallega de jugadores anónimos”.
“Unha parte dos problemas relacionados co xogo non pode ser regulado nin controlado pola Xunta, que carece das competencias para elo, o que non significa que non podamos apostar decididamente para protexer aos menores galegos a través da información e a prevención, para o que é necesario o apoio destas asociacións especializadas”, dixo.