O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a rematar a dixitalización de todas as salas de vistas dos xulgados galegos no presente ano 2023.
“O obxectivo da implantación das salas de vistas dixitais é avanzar nunha maior axilidade, eficiencia, seguridade, proximidade e calidade do servizo prestado á cidadanía”, manifestou a deputada popular Katy Varela.
Na súa intervención, Katy Varela sinalou que “a Xunta está a desenvolver as accións necesarias para axustar a Xustiza aos novos tempos, cun proceso de dixitalización que axude a mellorar o día a día dos traballadores e da cidadanía usuaria das dependencias xudiciais”. Para iso, o Goberno galego impulsou un plan autonómico dotado con 43,5 millóns de euros.
“Fronte a este esforzo da Xunta en desenvolver as accións necesarias en materia de xustiza para poder mellorala e facela máis cómoda para o usuario, o goberno central desoe as demandas realizadas desde Galicia nesta materia, como está a facer coa solicitude de creación dos novos xulgados de violencia de xénero”, indicou.
REFORZAR AS CANLES DE COMUNICACIÓN TELEMÁTICA
A deputada popular explicou que “o actual marco normativo reforza as canles de comunicación telemática como vía prioritaria para a realización da maioría dos actos procesuais”. Así, apuntou que “neste contexto cobra especial importancia a dotación de medios para a celebración de actos procesuais remotos e de adaptación e evolución das solucións de xestión para a súa gravación, liña na que Galicia ven traballando desde hai moito tempo de xeito continuado”.
“Todo isto representa, máis que unha evolución tecnolóxica, unha revolución que permite contar cunha renovación que garante un uso áxil e seguro, incorporando un maior número de módulos funcionais reimplementados con novas tecnoloxías e compatibilidades, que permiten a plena integración e explotación de calquera contido multimedia no marco do expediente xudicial electrónico”, rematou.