O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno de España que cumpra cos compromisos adquiridos e realice os trámites necesarios, en colaboración coas comunidades autónomas, para crear pasarelas de recoñecemento de créditos entre as ensinanzas de formación profesional de grado superior e os títulos oficiais de grado, co obxectivo de facilitar a mobilidade do alumnado recoñecendo a formación previamente adquirida en ambos sentidos.
A portavoz popular de Educación, Cecilia Vázquez, explicou que “un alumno que remata un ciclo superior de formación profesional pode acceder directamente á universidade a través dunha pasarela directa que recoñece a súa formación, pero non existen pasarelas de recoñecemento de créditos para graduados universitarios que desexen completar as súas competencias cursando un ciclo de formación profesional”.
“É innegable que os vínculos entre os sistemas de formación profesional e os universitarios son cada vez máis estreitos e as administracións públicas deben favorecer e reforzar estes lazos para garantir unha formación continua e adaptada ás realidades sociais e laborais”, sinalou Cecilia Vázquez, quen lembrou que xa no ano 2022 o ministro de Universidades, Joan Subirats, declarou que traballaba co Ministerio de Educación para establecer pasarelas entre a universidade e os ciclos formativos.
Vázquez incidiu que “son moitos os aspectos nos que se pode avanzar, pero un dos máis relevantes é o referido ao establecemento de itinerarios formativos que recoñezan a formación previamente adquirida e, polo tanto faciliten a mobilidade do alumnado entre ambos sistemas”.