15 de novembro de 2022. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno de España unha rectificación das bases reguladoras para a concesión de axudas a actuacións de fortalecemento industrial do sector agroalimentario dentro do Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica Agroalimentario, de xeito que se inclúa nestas axudas á cadea mar-industria.
A deputada popular Teresa Egerique lembrou que o Consello de Ministros aprobou o pasado 8 de febreiro o Proxecto estratéxico para a recuperación e transformación económica (PERTE) do sector agroalimentario, que contará cun investimento público de máis de 1.000 millóns de euros ata 2023. O Goberno central prevé que esta medida xere un impacto económico de 3.000 millóns de euros e a creación de ata 16.000 empregos.
RECTIFICACIÓN
“Resulta curioso que o Goberno central deixe fóra do PERTE agroalimentario á estrutura de transformación de produtos do mar, máxime cando son expoñente e tractor de aspectos que di defender este instrumento”, sinalou a deputada popular. Esta situación súmase á exclusión da industria de transformación das axudas do Goberno central para compensar as perdas derivadas da situación da suba dos custes operativos e das disrrupcións provocadas pola guerra de Ucraína, pese a estar contemplados como operadores pesqueiros dentro da normativa comunitaria.
Teresa Egerique demandou “a rectificación do Goberno de Pedro Sánchez e a apertura destes apoios á cadea produtiva do mar, entendendo que son parte imprescindible na súa sostibilidade e competitividade por canto xeran valor engadido e máis de 20.000 empregos en Galicia, axudando ademais a soster outros tantos no sector extractivo e de cultivos mariños”.