O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se pide ao Goberno Central levar a cabo de maneira inmediata labores de rehabilitación integral do firme da estrada nacional 540 entre Lugo e Ourense.
A deputada popular Katy Varela lembrou que a N-540 é “unha estrada fundamental que une as capitais de provincia de Lugo e Ourense e que ten 80 quilómetros de lonxitude, pero o abandono afecta tamén a cidadáns de concellos como Guntín, Taboada, Chantada e Carballedo, na provincia de Lugo; ou de A Peroxa, Vilamarín e Coles na provincia de Ourense”.
“Resulta incrible como os representantes dos partidos políticos que auparon a Pedro Sánchez á Presidencia do Goberno de España aparezan agora nas manifestacións convocadas polos afectados polo mal estado desta estrada, cando o que deberían é conseguir a execución do arranxo do firme de maneira inmediata”, sinalou a deputada popular.
ATRASO E ABANDONO DA A-56
Así mesmo, Katy Varela lamentou “a paralización, atrasou ou abandono que sofre a construción da autovía A-56 entre Ourense e Lugo”, xa que neste momento só existe un tramo aberto de 8,8 quilómetros entre A Barrela (Carballedo) e San Martiño (Vilamartín) “que quedou totalmente illado e sen funcionalidade”.
A este tramo sumouse o pasado mes de setembro os primeiros movementos de terra do primeiro tramo da variante norte de Ourense, entre Eirasvedras e Quintela, “pero é decepcionante a situación de abandono que viven os restantes tramos”, dixo.