O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co voto favorable de BNG nin de PSdeG, a través da que se solicita ao Goberno de España que estude a posibilidade de substituír progresivamente as bengalas ou, en todo caso, combinalas con sinais luminosos baseados en tecnoloxía LED como medida para favorecer a supervivencia en caso dunha emerxencia no mar. Así mesmo, pídese que se estude a posibilidade de sinalizar os polígonos de bateas e calquera outra instalación de acuicultura ou flotante con vértices virtuais nas cartas de navegación, de tal xeito que resulten perfectamente identificables polos plotters GPS.
A iniciativa do Grupo Popular demanda, ademais, que o Goberno central implemente formación práctica no uso de bengalas ou de calquera outro elemento co que se combinen ou substitúan, aproveitando aquelas unidades próximas á súa data de caducidade como unha maneira máis de darlle saída antes da súa destrución.
EMBARCACIÓNS DE SUPERVIVENCIA
Por último, pídese que se prohiba ou condicione a navegación, tanto profesional como deportiva, en función das previsións sobre determinadas condicións meteorolóxicas; así como instalar nos pesqueiros, de certa envergadura e en función do seu número de tripulantes, embarcacións de supervivencia ou salvamento ríxidas, reguladas pola normativa, semellantes ás empregadas nos mercantes e nas que se poida abandonar o buque en condicións de sobrevivir no mar.
O deputado popular Jesús María Fernández Rosende tivo unha lembranza para o capitán e catedrático de Navegación e Instalacións Mariñas na Universidade Laboral de A Coruña, José Manuel Costas Capelo, recentemente falecido e que colaborou intensamente na elaboración desta iniciativa parlamentaria, ao tempo que tamén agradeceu as aportacións realizadas polo profesor Vicente Yáñez.