O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio do PSdeG, a través da que se demanda ao Goberno central a creación de novos xulgados de violencia sobre a muller nas cidades de A Coruña e Vigo, como órganos adicionais e específicos, sen que iso supoña a transformación nin eliminación de xulgados de instrución. Así mesmo, pídese que planifique a planta xudicial de Galicia de forma rigorosa, transparente e dialogada coa Xunta, atendendo a informes técnicos, datos de carga de traballo e criterios de equilibrio territorial.
A deputada popular Katy Varela lembrou que “a Xunta leva tempo reivindicando ao Goberno central a creación de novas unidades xudiciais e máis prazas de xuíces e maxistrados”. Ante esta demanda, o Goberno de Pedro Sánchez decidiu este ano ampliar as prazas en Galicia pero, das catro novas prazas de xuíces de violencia sobre a muller aprobadas para Galicia, só dúas, as de Santiago e Ourense, son de nova creación.
IMPACTO NEGATIVO NA CALIDADE DO SERVIZO
“Lamentamos a decisión do Goberno central de que en A Coruña e en Vigo se creen estas unidades xudiciais a costa de suprimir outros tantos xulgados de instrución, unha decisión que causa preocupación nos axentes xudiciais porque terá un impacto negativo na calidade do servizo que se presta aos cidadáns”, sinalou.
Katy Varela explicou que “a supresión destes órganos instrutores suporá unha sobrecarga inmediata e directa para os restantes xulgados de instrución, afectando negativamente á tramitación de dilixencias previas, medidas cautelares e causas complexas que requiren especial atención”. Ademais, tanto Vigo como de A Coruña presentan características demográficas, sociais e xurisdicionais que as fan especialmente sensibles á perda de recursos: ambas son cabeceiras de partido xudicial e sedes de órganos especializados e provinciais, atendendo tamén á poboación doutros municipios da contorna.
Por último, a deputada popular subliñou que “a Xunta xa anunciou que procederá ao reforzo do persoal destes catro novos xulgados de violencia contra a muller, co obxectivo de paliar o aumento da carga de traballo derivada das novas funcións, e tamén das fiscalías”.