O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra dos deputados do PSdeG, a través da que se solicita ao Goberno de España que actualice a Lei de réxime fiscal das cooperativas, “unha norma aprobada en 1990 e que se atopa totalmente desfasada despois de 35 anos, porque o sector non é o mesmo, nin a estrutura empresarial, nin o mercado, nin os retos tecnolóxicos son os mesmos”.
A portavoz popular de Emprego, Noelia Pérez, asegurou que “conservar un marco fiscal tan desfasado xera inseguridade, limita a capacidade de investimento e dificulta o crecemento das cooperativas”. Deste xeito, subliñou que “falamos dunha demanda realizada desde a propia Confederación Empresarial Española de la Economía Social, que pide en concreto recoñecer a figura do socio colaborador, para fortalecer o capital propio; flexibilizar límites de contratación, porque a realidade produtiva de 2025 non é a de 1990; tratar o fondo de educación e promoción como un investimento social; e permitir que as cooperativas poidan medrar sen estar pendentes de se, ao facelo, fan perder beneficios que sustentan o seu propio modelo democrático”.
PARTE FUNDAMENTAL DA ECONOMÍA SOCIAL DE GALICIA
Noelia Pérez lembrou que “o cooperativismo é unha parte fundamental da economía social de Galicia, porque temos máis de 2.000 cooperativas activas, cunha facturación anual superior aos 3.500 millóns de euros e que sosteñen miles de empregos estables”. “Estamos a falar cun sector estratéxico, que combina actividade económica con compromiso territorial, cohesión social e innovación organizativa, e para o que a Xunta destinará o vindeiro ano máis de 56 millóns de euros”, dixo.
Por este motivo, manifestou que a Xunta leva tempo traballando nunha nova Lei de cooperativas de Galicia para adaptar a lexislación ás novas realidades, favorecer a creación de novas entidades e reforzar o tecido existente. “O obxectivo é dotar ás cooperativas dunha regulación máis flexible, adaptar a súa estrutura xurídica ao dereito societario, dotalas das ferramentas e métodos organizativos necesarios para mellorar a súa xestión diaria e avanzar na modernización do rexistro de cooperativas, introducindo a dixitalización e a tramitación electrónica”, concretou.