O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno central que desbloquee e complete a tramitación do Estatuto do Artista, tal e como foi acordado en 2018, por unanimidade, no Congreso dos Deputados. “Sete anos e cinco ministros de Cultura despois, o documento final segue sen ver a luz, e seguen abertas frontes nos eidos fiscal, laboral e da saúde, algunhas delas referidas concretamente ás rebaixas e ás deducións no IVE e no IRPF”, manifestou a portavoz popular de Cultura, Carmen Pomar.
“Pouco despois da chegada de Pedro Sánchez á Moncloa, o 6 de decembro de 2018 o Congreso aprobou o informe para a elaboración dun Estatuto do Artista, un documento que foi desenvolvido pola Subcomisión de Cultura e contou co respaldo unánime de 337 deputados no Pleno”, lembrou a portavoz popular. En concreto, este informe recolle un total de 75 propostas dirixidas a adecuar a regulación que afecta aos autores, artistas e traballadores da cultura para facer máis sostible a súa actividade.
MEDIDAS PENDENTES
Carmen Pomar sinalou que “as e os traballadores do sector cultural tiveron que esperar case catro anos e medio para coñecer as primeiras medidas do Goberno de España que pretenden desenvolver as 75 bases do Estatuto do Artista”. Ademais de estar pendentes medidas referidas á rebaixa e ás deducións no IVE e o IRPF, tamén segue sen ter solución o problema do traballador por conta propia, unha demanda fundamental e moi importante do sector que segue a solicitar unha cota de autónomos adaptada á súa actividade intermitente.
Outras medidas pendentes de resolver fan referencia á dedución de gastos; ás prestacións da Seguridade Social en caso de embarazo ou maternidade; á percepción simultánea de pensión de xubilación e realización de actividades; á ampliación do sistema de representación sindical; á adaptación do IAE á realidade social e cultural; á regulación cos menores de 16 anos; á modificación das regras de cómputo da cotización para a xubilacións e das modalidades na mesma; ás medidas de saúde laboral; ás medidas en materia de transición profesional; ou á consideración dos dereitos de autor como rendementos derivados da propiedade intelectual, nova categoría dentro dos rendementos.
“Moitas medidas sen aprobar pola parálise na que o Goberno de Pedro Sánchez ten sumido ao Estatuto do Artista e que, desde logo, non so únicas, xa que tamén están enriba da mesa as compensacións polo cese de actividade”, indicou a portavoz popular, quen criticou que o Goberno de España “está deixando de lado ao sector cultural e aos seus traballadores, que, ademais da inestabilidade propia do sector, están sumidos nun inferno fiscal que non contribúe a que a súa situación mellore”.