O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio de BNG nin de PSdeG, a través da que se solicita ao Goberno central que impulse unha nova Lei do Patrimonio Cultural para modernizar e refundir a lexislación vixente en materia de patrimonio, en colaboración coa Comunidade galega, os concellos e as demais institucións públicas e privadas do sector.
O deputado popular José Luís Ferro lembrou que “o Goberno de Pedro Sánchez presentou en 2021 un anteproxecto da nova Lei de patrimonio cultural, da que o Goberno galego se posicionou en contra por varios motivos: invadía as competencias das comunidades autónomas, trataba de recuperar para o Estado funcións que non é capaz de facer no día a dia, e impoñía ríxidos trámites burocráticos que dificultan a xestión do patrimonio e empeoran a atención á cidadanía”.
Porén, criticou que “este Goberno de España non foi capaz de sacar adiante esta norma, que incluía medidas que restaba eficacia e eficiencia á xestión dos poderes públicos en materia de patrimonio cultural, e que claramente invadía competencias autonómicas retrotraéndose a un proceso centralizador xa superado pola madurez das competencias das autonomías”.
RESPOSTAS E SEGURIDADE
“Galicia e as entidades que teñen incidencia sobre o patrimonio precisan respostas e seguridade, porque non podemos estar pendentes dos cambios de opinión de última hora dun Goberno de España que amosa, día si e día tamén, pouca capacidade de acción para as cousas importantes e moita celeridade cando se trata de manterse no poder a costa do que sexa”, afirmou.
Ferro demandou que o Goberno de Pedro Sánchez “reinicie as tarefas que deixou a medias e que se leve a cabo un debate con todos os actores públicos e privados que protexen e promoven o coñecemento do patrimonio cultural”, porque indicou que “a redacción do anteproxecto resulta hoxe moi xenérica e débese adaptar ao moito que se evolucionou e se innovou, incluíndo asuntos que hai 40 anos non existían”.
“A creación dunha nova Lei estatal de patrimonio cultural outorgaría a Galicia seguridade no exercicio das súas competencias”, indicou o deputado popular, quen anotou que “necesitamos unha lei sinxela e unificadora, que non adultere a cultura, pois a protección e promoción da nosa cultura debe ser o prioritario”.