O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno de España que defenda con firmeza os intereses da flota galega nas negociacións internacionais de repartición de cotas de xarda, esixindo unha distribución xusta e proporcional.
Neste sentido, se lle pide que se aplique o Regulamento europeo que permite restrinxir o acceso ao mercado da UE aos produtos pesqueiros procedentes de países que incumpran os acordos de pesca sostible, como Noruega, Islandia, Illas Feroe; ao tempo que reclame á Comisión Europea que sancione as autoasignacións unilaterais de cotas que poñen en risco a sustentabilidade da especie e distorsionan o mercado.
A deputada popular Dolores Hermelo lamentou que “mentres Galicia cumpre, a nosa frota respecta os límites e os nosos mariñeiros fan as cousas ben, Noruega, Islandia e as Illas Feroe levan anos sobrepescando un 39 por cento por enriba do límite científico”.
“Mentres Europa recoñece a sobrepesca dos países nórdicos e o ICES admite que o stock se debilita pola irresponsabilidade doutros, ese mesmo ICES pretende impornos unha redución do 70 por cento na cota da xarda para 2026, castigando directamente ao cerco e ao arrastre de litoral galegos”, sinalou.
Dolores Hermelo afirmou que “temos uns países nórdicos que se autoasignan cotas sen control e temos un recorte proposto do 70 por cento que deixaría a España sen máis de 6.500 toneladas e unhas perdas de ata 46 millóns de euros e de milleiros de empregos ameazados”.
“E fronte a isto, o que atopamos son silencios cómplices, renuncias e unha inacción absoluta por parte do Goberno de España, respaldado polos socialistas e nacionalistas galegos, que relativizan a situación, miran cara outro lado e se poñen de perfil”, apuntou.