O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co voto favorable do BNG, a través da que se solicita ao Goberno de España que adopte cantas medidas sexan precisas para garantir a plena asistencia aos mutualistas, licitando de maneira urxente o concerto con MUFACE, e impedindo que esta situación, na que ten responsabilidade directa, impacte nos sistemas sanitarios públicos das distintas comunidades autónomas. Así mesmo, pídese que, en caso necesario, prorrogue o servizo actual, de acordo co articulo 29.4 da Lei de contratos do sector público, ata que non se produza a nova adxudicación.
A portavoz popular de Sanidade, Encarna Amigo, lembrou que “o pasado 5 de novembro quedou deserta a licitación do concerto para prestar asistencia sanitaria no ámbito de MUFACE a consecuencia dun infrafinanciamento do servizo, xunto cunhas coberturas máis esixentes das que presta o propio Sistema Nacional de Saúde nalgúns aspectos”.
DÚAS CORRENTES NO GOBERNO DE PEDRO SÁNCHEZ
“A desaparición de MUFACE tería un notable impacto na asistencia sanitaria pública, pois so en Galicia tería que absorber máis de 60.000 adscritos que se estiman na Comunidade galega, coa conseguinte necesidade de contratar decenas de médicos de familia”, indicou.
Ademais destes problemas na atención da sanidade pública, esta situación “produciría unha discontinuidade asistencial, pois os pacientes deixarían de estar atendidos polo seu médico de toda a vida; e unha desconexión da historia clínica, xa que o sistema IANUS de historia clínica da sanidade pública galega non conta cos datos da sanidade privada á que acoden os usuarios de MUFACE”, engadiu Encarna Amigo.
A portavoz popular criticou que, diante desta situación, no Goberno de Pedro Sánchez “apareceron dúas correntes: por un lado, Función Pública, que propón volver a licitar cun maior importe; e, por outra parte, o Ministerio de Sanidade, partidario de eliminar MUFACE e que a sanidade pública absorba a todos os seus adscritos”.
“É urxente que o Goberno de España adopte todas as medidas que sexan precisas para garantir a continuidade do sistema, completando canto antes a nova licitación do concerto e prevendo as medidas necesarias que garantan a atención sanitaria a estes mutualistas en caso de non conseguir ofertas”, rematou Encarna Amigo.