O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno de España unha maior flexibilidade fiscal no IRPF e no imposto de Sociedades que permita unha mellora da xestión forestal en España, así como o desenvolvemento dun plan sectorial contable que permita a este sector tributar de forma máis xusta e de acordo coa capacidade de renda xerada, tal como establece a Constitución Española.
A deputada popular Nicole Grueira lembrou que esta iniciativa parlamentaria “é froito da escoita activa, xa que responde a unha demanda concreta do sector e plenamente coherente coas medidas xa recompiladas no Plan Forestal de Galicia aprobado en 2021, que establece medidas claras para avanzar cara á sustentabilidade e rendibilidade do monte galego”.
MARCO XUSTO E ADAPTADO
Na súa intervención, Grueira explicou que “o calendario fiscal actual, ríxido e pensado para outras actividades, non se axusta á realidade do monte”, polo que demandou “un marco xusto e adaptado, que recoñeza tecnicamente a especificidade dun sector que ocupa unha parte importante do territorio galego, xera emprego e actividade no rural, e contribúe activamente á loita contra o cambio climático”.
“Poñémoslle deberes ao Goberno de España e non á Xunta porque cómpre recordar que os impostos cedidos de titularidade autonómica xa presentan, en maior ou menor medida, unha serie de bonificacións e beneficios fiscais aplicables ao sector forestal, como é o caso das deducións aplicables ás transmisións de solo rústico ou na cota íntegra de actos xurídicos documentados”, manifestou.