Santiago, 7 de xuño de 2022.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno de España a posta en marcha dunha operación de traballo subacuático que permita localizar o pecio do buque Villa de Pitanxo, descender ao mesmo e elaborar un traballo fotográfico e audiovisual sobre o seu estado, así como a recoñecer os seus arredores e zona exterior do buque para verificar a posible localización de corpos dos tripulantes desaparecidos.
O deputado popular Manuel Santos trasladou “o noso apoio, o noso ánimo e a nosa solidariedade cos familiares dos falecidos no Vila de Pitanxo, así como coas súas lexítimas demandas e reivindicacións porque son de xustiza”. Ao mesmo tampo, expresou o ánimo aos tripulantes e familiares do buque Piedras que recentemente sufriu un naufraxio en augas do Gran Sol, que afortunadamente quedou nun gran susto.
CUESTIÓN DE HUMANIDADE E NECESIDADE
“Con independencia de cal sexa a metodoloxía utilizada para a realización dunha investigación do accidente do Vila de Pitanxo, é primordial realizar unha inspección exterior ao pecio co fin de confirmar ou invalidar as múltiples hipóteses que puideron xurdir sobre as causas do accidente”, sinalou Manuel Santos. Neste sentido, considerou necesario “determinar a viabilidade técnica dunha inspección ao exterior do pecio co fin de recompilar dita información”.
Santos considerou “un desprezo total aos familiares do Villa de Pitanxo que o Instituto Español de Oceanografía mobilice o buque Vizconde de Eza durante tres meses na zona na que se afundiu o pesqueiro e o Goberno de Pedro Sánchez e non se plantexe introducir no buque o robot ofrecido pola empresa norueguesa ou, en todo caso, o sónar de barrido lateral tamén ofrecido de forma gratuíta”.
“Non é só unha cuestión de humanidade, senón de necesidade para coñecer as causas do suceso e evitar que se repitan casos semellantes”, apuntou, quen reiterou que a Xunta “sempre amosou a disposición a sufragar a loxística dos medios que ofrece a empresa norueguesa e que son totalmente válidos”.