O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Ministerio da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes que, como titular dos libros dos rexistros civís, financie os traballos de dixitalización aínda pendentes.
A deputada popular Katy Varela lembrou que “nos últimos anos, e especialmente coa chegada da pandemia provocada pola Covid-19, o proceso de dixitalización da Administración viuse acelerada co fin de cubrir as necesidades da cidadanía mantendo os estándares de seguridade sanitaria”. “A Administración de Xustiza non podía ser menos e iniciou un proceso de modernización sen precedentes para adaptarse á nova realidade, que pasa por renovar o sistema xudicial de Galicia a través da novas tecnoloxías e fomentar a utilización dos medios electrónicos para a realización dos procedementos xudiciais”, apuntou.
O Rexistro Civil, como servizo encadrado na Administración de Xustiza, tamén foi obxecto desta dixitalización. O proceso levado a cabo pola Xunta nos últimos anos “permitiu rematar coa dixitalización dos 78 rexistros civís dos Xulgados de Paz servidos por persoal de Xustiza e, por primeira vez, iniciar a dixitalización dos rexistros atendidos por persoal designado polo concello respectivo”, indicou a deputada popular.
TRABALLO AVANZADO
Katy Varela asegurou que “a Xunta ten a intención de continuar coa dixitalización dos rexistros civís dos Xulgados de Paz aínda pendentes, e así o ten comunicado en reiteradas ocasións ao Ministerio de Xustiza, de quen dependen estes rexistros civís”. Deste xeito, e para poder continuar coa dixitalización aínda pendente, afirmou que “a Xunta xa ten feito o inventario de case a totalidade dos rexistros civís pendentes, identificando en cada un deles o número de tomos de cada sección, páxinas e folios dos mesmos, número de inscricións por anos e demais datos necesarios para tal finalidade”.
“Esta dixitalización é necesaria para achegar o rexistro civil aos cidadáns e facilitar o seu acceso ao mesmo a través de medios electrónicos, así como para posibilitar a tramitación dos procedementos e optimizar o traballo do persoal que presta o seu servizo nestes rexistros”, indicou a deputada popular.
Katy Varela demandou que o Ministerio da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes “aporte o financiamento necesario para a dixitalización destes rexistros civís de Xulgados de Paz aínda pendentes, co obxectivo de acadar a súa dixitalización total e prestar o servizo que se merecen os residentes nestes concellos aínda sen este servizo”.