O Pleno do Parlamento de Galicia demandou hoxe ao Presidente do Goberno de España, a través dunha proposición non de lei do Grupo Popular, a disolución das Cortes e a inmediata convocatoria de eleccións xerais, para permitir que os españois, a través do seu voto, abran un novo tempo político. Así mesmo, pediu ao Goberno de España que, de xeito urxente, adopte as medidas necesarias para garantir a colaboración activa con todas as instancias xudiciais, parlamentarias e administrativas que investigan posibles irregularidades na súa xestión.
A modo de resolución, o Parlamento amosou o rexeitamento expreso á corrupción instalada no seno do PSOE, no Goberno de España e na contorna persoal e política máis próximo ao presidente Pedro Sánchez; condenou as acusacións realizadas polos membros do Goberno de España e os seus socios atacando á Xustiza e xornalistas que están destapando as tramas de corrupción que rodean a Pedro Sánchez; e reclamou a inmediata depuración de responsabilidades políticas derivadas dos casos de corrupción coñecidos nas últimas datas o que debe levar aos socios do PSOE nas distintas institucións á revisión dos acordos de goberno ou de apoio político.
INSTITUCIÓNS CARCOMIDAS
A viceportavoz popular, Paula Prado, manifestou que “a peor das corrupcións é que todas as institucións do Estado estean carcomidas co único fin de que Pedro Sánchez poida seguir apuntalado na Moncloa o tempo que lle queda”. “Unha corrupción que pagamos todos e que chega a 40 institucións, organismos, embaixadas e ata empresas colonizadas polo sanchismo”, apuntou.
“Esta colonización insaciable xa non entende de separación de poderes, porque desde que Sánchez é presidente todos os poderes dependen do uno”, sinalou Prado, quen se referiu a un poder lexislativo, “que se pode gobernar con ou sen el; ou a un poder xudicial, “a disposición do sanchismo para avalar todas as leis feitas a media do presidente, da familia do presidente e dos compañeiros de partido do presidente”.
Paula Prado tamén criticou “o xeito no que corromperon o feminismo aqueles que durante anos se arrogaron o dereito exclusivo de falar en nome das mulleres en público coas actitudes que, tal e como agora sabemos, tiñan en privado”.
“Todo isto é o que apoian os socialistas galegos, pero tamén é o que apoia o BNG coa súa equidistancia e a súa hipocrisía, porque foron os nacionalistas galegos, co seu voto a favor, os que fixeron posible a investidura do presidente que nomeou ministro a Ábalos e consentiu que o Ministerio de Transportes se convertera nun prostíbulo no que negociar mordidas e denigrar ás mulleres”, subliñou.