O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que, en coherencia co previsto na Estratexia Educación Dixital 2030, se pide á Xunta que avance na dixitalización do ensino galego a través do uso das técnicas de big-data e intelixencia artificial, co obxectivo de implementar novas iniciativas ou programas que axuden no deseño de estratexias e na toma de decisións sobre políticas educativas en Galicia, que faciliten e axilicen a xestión de datos e información que xera o sistema educativo, que faciliten acadar un expediente dixital para cada alumno e alumna, e que aborden a necesaria modernización das canles de comunicación e información entre a administración educativa e os diferentes axentes educativos.
O deputado popular Carlos Gómez Salgado lembrou que “a Xunta vén impulsando desde hai tempo a presenza das TICs no ensino galego, sempre baixo a premisa de que contribúan á mellora da calidade da educación”.
Neste ámbito, indicou que a Estratexia Educación Dixital 2030, aprobada no mes de setembro de 2021, se sustenta en dous piares básico: por unha banda, o desenvolvemento dun ecosistema educativo dixital de alto rendemento; e, por outra, o perfeccionamento das competencias e capacidades necesarias para acadar unha verdadeira transformación dixital.
FOLLA DE RUTA
“Este documento está sendo a folla de ruta da transformación dixital do sistema educativo público galego nesta década, un plan que está dotado con 120 millóns de euros para os primeiros tres anos de aplicación”, sinalou o deputado popular.
Carlos Gómez tamén se referiu a EdugalIA, “un novo proxecto ambicioso e complexo, que ten encaixe no previsto na citada Estratexia Educación Dixital 2030, que está chamado a converter a Galicia na primeira comunidade educativa en incorporar a intelixencia artificial na xestión educativa e na loita contra o fracaso escolar”.
“Sen abandonar a aposta polos equipamentos, infraestruturas e transmisión de competencias dixitais en coherencia co previsto na Estratexia de Educación Dixital 2030, os novos avances teñen que estar orientados cara a adopción de iniciativas ou programas que axuden no deseño de estratexias e na toma de decisións sobre políticas educativas en Galicia que faciliten e axilicen a xestión de datos e información que xera o sistema educativo e que posibiliten acadar un expediente dixital para cada alumno, sen esquecer a necesaria modernización das canles de comunicación e información sobre a administración educativa e os diferentes axentes educativos”, manifestou o deputado popular.
Deste xeito, Gómez Salgado amosou o apoio “as iniciativas que vén desenvolvendo a Consellería de Educación a prol da calidade, equidade e innovación do sistema educativo galego, e consideramos de interese que se dean novos pasos e se exploren novas propostas e proxectos que teñan por obxecto utilizar as novas tecnoloxías, nomeadamente as técnicas big-data e a intelixencia artificial, en beneficio do ensino galego”.