O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, sen o apoio do BNG, a través da que se pide á Xunta que dote aos centros educativos de Galicia de mecanismos e ferramentas que axuden á prevención, denuncia e tratamento de calquera situación contraria á convivencia, con especial atención ao acoso nas aulas ou a través de medios tecnolóxicos.
En concreto, estas medidas incorporarán, na medida das posibilidades de execución e financiamento, cuestións como campañas de sensibilización para que as redes sociais non sexan só parte do problema senón parte da solución; a posibilidade de crear nos centros educativos puntos físicos e telemáticos de denuncia de casos de acoso escolar ou ciberacoso; e o reforzo da figura dos titores de grupo nos centros e o recurso de titorías entre iguais.
A deputada popular Felisa Rodríguez lembrou que a Lei de apoio á familia e á convivencia de Galicia e a Lei de convivencia e participación da comunidade educativa constitúen o marco normativo que axuda a que a sociedade galega estea a dar pasos cara unha verdadeira igualdade e non discriminación das persoas. “Aínda que non é bo caer en alarmismos, non podemos mirar cara outro lado cando hai situacións cada vez máis visibles a través dos medios de comunicación e novos retos que afrontar, como a intelixencia artificial”, apuntou.
TOLERANCIA CERO
Deste xeito, lembrou que a Xunta está a traballar no I Plan integral contra o acoso e ciberacoso, coa previsión de activalo neste outono, “un documento complexo que ten o reto de afrontar desde o ensino unha cuestión con variables familiares, sociais, sanitarias e xurídicas”.
“O sistema educativo non pode resolver todos os problemas sociais que no mundo actual se están xerando ou intensificando, pero pode aportar a súa parte para tratar de afrontalos e achegar propostas de solucións”, manifestou Felisa Rodríguez, quen incidiu que “tolerancia cero contra o acoso, dentro e fóra dos centros educativos, pero sendo conscientes de que o risco cero non existe”.