O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra de BNG e PSdeG, a través da que se insta á Xunta de Galicia a continuar impulsando un ecosistema de apoio ao emprendemento no que están implicados todos os axentes, entidades, redes e recursos dispoñibles para o inicio dunha nova actividade empresarial. Así mesmo, pídese que se impulsen os Polos de Emprendemento como canalizadores do relevo xeracional e como instrumento de asesoramento de emigrantes que queiran iniciarse por conta propia, ademais de poñer en funcionamento aqueles polos que se atopan inactivos.
A deputada popular Noelia Pérez manifestou que “Galicia está chea de talento e oportunidades que demandan un ecosistema de apoio que lles axude a impulsar e consolidar os seus proxectos con acompañamento e asesoramento continuo e cunha titorización con profesionais de primeiro nivel”.
“Ese é o obxectivo dos polos de emprendemento: un enfoque innovador, con persoal especializado, co obxectivo de promover actividades económicas ligadas aos territorios, identificación de proxectos empresariais diferenciados e colaboración con axentes doutras áreas territoriais”, concretou.
Noelia Pérez explicou que a rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego está integrada na actualidade por 13 centros, que, en pouco máis de ano e medio de vida, xa prestaron asesoramento a cerca de 2.000 proxectos. “Esta intensa actividade é a que nos motiva para solicitar ao Goberno galego que siga impulsando un ecosistema de apoio ao emprendemento coa posta en marcha dos centros que a día de hoxe están inactivos e dándolle especial importancia dentro deles ao relevo xeracional”, sinalou.