O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio dos deputados do BNG, a través da que se insta á Xunta a que poña en marcha os mecanismos necesarios para asegurar o prestixio da formación profesional galega, preservando a cultura do esforzo na adaptación e implementación do Real Decreto 86/2025, de 11 de febreiro, de avaliación e acreditación das competencias básicas adquiridas por experiencia laboral, por vías non formais de formación e aprendizaxes informais.
A deputada popular Patricia García salientou que “o modelo de formación profesional galega é un exemplo de éxito, tanto polos seus resultados como polo seu nivel de inserción laboral, e un modelo recoñecido, respectado e que conta co aval da comunidade educativa e do tecido produtivo de Galicia”.
DE XEITO INESPERADO E SEN CONTAR COAS CCAA
Porén, lembrou que o Real Decreto 86/2025, aprobado polo Goberno de Pedro Sánchez de xeito inesperado e sen diálogo coas comunidades autónomas, modifica os criterios de acceso ao sistema de formación profesional, permitindo que persoas sen titulación básica poidan acceder acreditando unicamente competencias mínimas en lingua, matemáticas e dixitalización.
“Non cuestionamos a necesidade de abrir camiños para recoñecer aprendizaxes por vías non formais, pero non pode facerse a costa de desvirtuar o modelo baseado na cultura do esforzo, que é o que lle da valor a unha titulación”, indicou a deputada popular.
Neste sentido, apuntou que “se desvirtuamos os estándares corremos o risco de desvirtuar a FP, de perder a confianza do tecido produtivo e de prexudiciar aos propios estudantes, que poden verse atrapados nun sistema que non lles ofrece unha formación real”.
Para rematar, Patricia García manifestou que “non se pode improvisar coa FP, nin abrir a porta á desvalorización das titulacións, nin ao desprestixio dun modelo que funciona”, polo que considerou “razoable que Galicia poida adaptar a normativa do Estado sen comprometer a excelencia nin o modelo propio; que se garantan criterios claros, esixentes e xustos que aseguren a igualdade de oportunidades, pero tamén a calidade formativa; e que todo isto se faga respectando as competencias autonómicas e contando coa comunidade educativa, co profesorado, coas empresas e co alumnado”.