O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra de BNG e PSdeG, a través da que se insta á Xunta de Galicia a que insista ante Europa na reclamación de información sobre a xestión de España co Fondo Social polo Clima, logo de que a Comisión Europea confirmara que o Goberno de Pedro Sánchez non presentou aínda o seu Plan Social polo Clima, que mobilizaría nos próximos anos 9.000 millóns de euros en proxectos relacionados co cambio climático en todo o país.
A deputada popular Kati Varela lamentou o incumprimento do Goberno central para presentar antes do pasado 30 de xuño as medidas e actuacións que se financiarán en España ao abeiro do Fondo Social para o Clima, así como a forma de facer a repartición entre as comunidades autónomas. En total, este Fondo Social está dotado con 86.700 millóns de euros para o período 2026-2032, dos que a España lle corresponden 9.000 millóns de euros, cofinanciados nun 75 por cento con fondos europeos e nun 25 por cento con achegas estatais.
TRANSICIÓN ENERXÉTICA XUSTA
A través deste Plan Social polo Clima preténdese garantir unha transición enerxética xusta para os sectores máis vulnerables da sociedade. En concreto, a través destes plans sociais establécense axudas temporais e directas que permitan reducir a dependencia dos combustibles fósiles dos usuarios dos distintos medios de transporte, micro empresas e fogares vulnerables.
“Galicia reclamou ao Goberno de Pedro Sánchez en marzo de 2025 a participación activa das autonomías no Plan Social polo Clima, no que se plasmarían as actuacións a financiar a cargo do Fondo Social polo Clima, pero non houbo contestación algunha a este requirimento”, sinalou a deputada popular.
Diante desta falta de transparencia e comunicación por parte do Goberno central, a Xunta presentou un total de 58 proxectos de sete consellerías por un importe de 2.000 millóns de euros. “Dese total, arredor de 1.460 millóns de euros corresponden a iniciativas relacionadas coa mellora da eficiencia enerxética en vivendas, aínda que tamén se incorporaron proxectos relacionados coa mobilidade cidadá; o saneamento e depuración de augas; a xeración de biogás; ou a formación e o emprego no ámbito da eficiencia enerxética e a mobilidade sostible.