O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, co único voto en contra do BNG, a través da que se insta á Xunta a recoñecer a importancia das materias primas fundamentais e das materias primas estratéxicas para reforzar a autonomía estratéxica e reducir a dependencia do exterior. Neste sentido, demándase que o proxecto da mina de Doade se tramite consonte á normativa actual, incluídas as esixencias do Regulamento europeo de materias críticas, e sen ningún menoscabo ambiental, de tal xeito que unicamente o proxecto poida ser aprobado se cumpre con toda a normativa, especialmente a medioambiental, avogando por non posicionarse a favor ou en contra deste proxecto mineiro en tanto non haxa un pronunciamento dos técnicos competentes na materia.
O portavoz popular, Alberto Pazos, lembrou que “a mina de litio de Doade, no concello de Beariz, vén de ser declarada de interese estratéxico europeo, o que lle permitiría beneficiarse de financiamento europeo e de maior axilidade na obtención de permisos”. “Un proxecto mineiro enfocado á extracción de litio considerado de interese estratéxico para Europa, e que conta co beneplácito das autoridades europeas, do Goberno de España, do Goberno galego e dos concellos afectados, pero que conta coa frontal oposición dos de sempre, os do non”, sinalou.
“Un proxecto que prevé xerar 320 postos de traballo e dinamizar economicamente unha comarca que vén sufrindo unha perda continuada de poboación desde hai décadas e, polo tanto, necesitada de proxectos que faciliten a fixación de poboación a través de novas oportunidades de emprego”, indicou o portavoz popular.
LONXE DE POSICIONAMENTOS IDEOLÓXICOS
A iniciativa aprobada hoxe no Pleno fai un pronunciamento favorable ao recoñecemento da importancia das materias primas estratéxicas, á tramitación con plenas garantías legais e medioambientais e a evitar prexuízos e respectar o traballo dos técnicos. “Son pronunciamentos alonxados de posicionamentos ideolóxicos, que buscan simplemente unha tramitación sosegada, garantista, baseada en informes técnicos e sen presións políticas ou sociais sen máis base que o prexuízo e o descoñecemento”, dixo Alberto Pazos.
Neste sentido, recordou que este proxecto da mina de Doade “non iniciou a súa tramitación e só conta cun permiso de investigación”, ademais de lembrar que “o anterior proxecto de explotación foi denegado por non cumprir os requisitos medioambientais e os mesmo técnicos que denegaron ese proxecto van avaliar este novo proxecto, polo que merecen o mesmo respecto”.
“Galicia non é unha colonia, senón unha comunidade autónoma madura, con institucións maduras, que aspira a decidir o seu futuro sen máis límite que a lei e contando cos recursos e o financiamento que en xustiza nos corresponden”, rematou o portavoz popular, para incidir que a Comunidade galega “non é unha reserva natural na que a preservación da contorna impide calquera actividade económica”.