O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non foi apoiada polos deputados do PSdeG, a través da que se reclama ao Goberno central que cumpra o recollido no artigo 9 da Lei de dependencia e achegue os importes mínimos por cada dependente atendido establecidos no Real Decreto de reforma das prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia, ao tempo que salde a débeda con Galicia polo incumprimento do pago das contías mínimas das prestacións económicas desde a entrada en vigor do citado Real Decreto. Ademais, pídese que cumpra a Lei de dependencia que lle obriga a cofinanciar o 50 por cento e salde a débeda acumulada de máis de 2.500 millóns de euros con Galicia.
A portavoz popular de Asuntos Sociais, Raquel Arias, reiterou que “o Estado incumpre sistematicamente a súa obriga de cofinanciar co 50 por cento a atención aos dependentes e segue financiando escasamente un 30 por cento, polo que na actualidade acumula xa unha débeda con Galicia de máis de 2.500 millóns de euros”.
SITUACIÓN AGRAVADA
“Pero lonxe de mellorar a situación, o Goberno de Pedro Sánchez agravouna coa aprobación en xullo de 2023 dun Real Decreto que introducía cambios no acceso ás prestacións á dependencia, que en principio ía ser positivos para os dependentes pero que finalmente se converteron nun auténtico fiasco”, sinalou Raquel Arias. En concreto, apuntou que “o Goberno central está incumprir o que el mesmo estableceu a través dun Real Decreto aprobado sen consensualo coas comunidades autónomas e sen achegar financiamento algún, cando esta norma supón para Galicia un sobrecoste de 80 millóns de euros anuais”.
Ademais, e dentro do gasto a maiores que supón a aplicación deste Real Decreto, “o Goberno de Pedro Sánchez están deixando a deber 12 millóns de euros anuais a consecuencia de que está pagando menos do que el mesmo se fixou para os graos de dependencia I e II”, dixo a portavoz popular. Así, indicou que o Goberno central paga 76 euros ao mes por dependente de grao I atendido, cando o Real Decreto establece un mínimo de 100 euros ao mes; e aporta 130 euros ao mes por cada dependente atendido, cando a norma fixa un mínimo de 150 euros ao mes.
“E non é un importe fixo mensual, senón que se trata dunha débeda que crece mensualmente na medida en que Galicia, cumprindo coas súas obrigas, incrementa cada mes o número de persoas atendidas”, engadiu Raquel Arias.
A portavoz popular afirmou que o Real Decreto “tamén variou as intensidades do servizo de axuda no fogar entre un 85 por cento para o grao I e máis dun 34 por cento para o grao III, que lles afecta directamente ás administracións locais”. Diante desta situación, salientou que “a Xunta tivo que incrementar os complementos autonómicos para que os galegos con dependencia non tiveran que pagar máis polos mesmos servizos e axudar aos concellos nunha situación que lles resulta realmente complicada tanto polos custos como pola falta de persoal”.