O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se reclama ao Goberno de España a incorporación á súa estrutura orgánica dos servizos necesarios para recibir e remitir documentos oficiais en lingua galega, en calquera procedemento administrativo da súa competencia.
O portavoz popular de Lingua, José Luís Ferro, lamentou que “cada día milleiros de empresas, concellos e cidadáns de Galicia envían documentación á Administración do Estado e, por desgraza, non son poucas as veces que atopan trabas inxustificadas, prexuízos e mesmo desprezo cara ao galego”.
Neste sentido, considerou “intolerable e unha falta de respecto institucional esta negación práctica dun dereito recoñecido polo Estatuto de Autonomía e pola Constitución Española, que amparan a cooficialidade das linguas e do dereito a empregalas sen discriminación”.
RESPECTO PARA O GALEGO
“O que pedimos é normalidade, coherencia e igualdade, para que o galego sexa respectado igual que o catalán ou o euskera nos procedementos administrativos”, manifestou o portavoz popular, quen pediu que “ningún concello, nin empresa, nin cidadán galego teña que gastar máis tempo e máis cartos traducindo documentos só porque en Madrid non se molestan en habilitar servizos lingüísticos adecuados”. En definitiva, dixo que “non se trata dun capricho identitario, senón dunha cuestión de dereitos, de eficiencia e de respecto institucional”.
José Luís Ferro asegurou que “hoxe non hai escusa técnica nin orzamentaria, porque cos medios de tradución e coas ferramentas de xestión lingüística dispoñibles non hai razón para que o galego siga sendo excluído”.
Para rematar, o deputado popular criticou que o novo programa para o funcionamento dos xulgados elaborado polo Ministerio de Xustiza non ten versión en galego. “O Goberno central enviará este programa só en castelán para implantalo así e que logo sexa a Xunta a que teña que traducilo, cos seus centos de formularios incluídos, ao galego”, indicou.