O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se reclama ao Goberno de España máis fondos destinados ao financiamento dos centros especiais de emprego para poder sufragar os custos derivados destes, xa que as axudas se ven reducidas polo aumento do Salario Mínimo Interprofesional.
A portavoz popular de Emprego, Noelia Pérez considerou os centros especiais de emprego en Galicia como “unha peza clave para a integración laboral das persoas con discapacidade, porque non só ofrecen un posto de traballo digno, senón tamén apoio persoal e social, mellorando a calidade de vida de milleiros de galegos e galegas”.
Así mesmo, considerou “léxitimo e un avance social” a suba do salario mínimo interprofesional, pero afirmou que “facelo fora do diálogo social e sen unha avaliación previa do seu efecto nos diferentes axentes do mercado laboral é unha irresponsabilidade”.
MAIOR IMPACTO NOS CENTROS ESPECIAIS DE EMPREGO
“A suba do salario mínimo interprofesional ten impacto en case tódalas empresas, pero no caso dos centros especiais de emprego, que son proxectos de vida para persoas que atopan portas pechadas no mercado laboral ordinario, é maior”, asegurou Noelia Pérez.
En concreto, afirmou que a suba do salario mínimo interprofesional provocou que os custos de persoal nos centros especiais de emprego se incrementaran un 54 por cento, “unha suba que é imposible repercutila nos seus clientes e afecta á súa capacidade para competir con outras empresas convencionais”.
“A necesidade de adaptarse aos novos custos salariais podería facer que os servizos ofrecidos polos centros especiais de emprego resulten menos atractivos para os empregadores, reducindo as oportunidades de emprego para as persoas con discapacidade porque esta perda de competitividade pode derivar na redución da contratación de traballadores con discapacidade, despedimentos ou na non renovación de contratos”, manifestou a portavoz popular.