O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio dos deputados do PSdeG, a través da que se reitera a demanda ao Goberno de España para que modifique a Lei reguladora do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas e dos Impostos sobre Sociedades, sobre a Renda de non Residentes e sobre o Patrimonio, ao fin de recoller entre as súas exencións as axudas de contido económico aos deportistas de alto nivel que sexan outorgadas polas administracións autonómicas.
O deputado popular Raúl Santamaría lamentou que o Goberno de Pedro Sánchez “fixera caso omiso á proposición non de lei que aprobamos en setembro de 2024, coa única abstención do PSdeG, a través da que se pedía a modificación da Lei do IRPF e do Imposto de Sociedades para eximir de tributación as axudas económicas que as comunidades autónomas conceden aos deportistas de alto nivel”.
GALICIA FIXO OS DEBERES
“É inxusto e discriminatorio que un deportista galego que recibe unha axuda da Xunta teña que tributar por ela como se fose un ingreso calquera, mentres outros deportistas, en circunstancias semellantes, reciben outro trato”, sinalou o deputado popular, quen anotou que “non pedimos privilexios, senón igualdade, coherencia e respecto polo esforzo e polo mérito”.
Raúl Santamaría destacou que Galicia “xa fixo os deberes neste eido e estableceu por lei unha dedución autonómica no IRPF polas axudas e subvencións concedidas aos deportistas de alto nivel”. “Porque estamos a falar de 524 persoas, entre deportistas, adestradores, técnicos, árbitros e xuíces de alto nivel, que representan o mellor da nosa sociedade: esforzo, disciplina, talento e superación”, incidiu.
Ademais, o deputado popular asegurou que esta iniciativa “tamén é unha defensa do autogoberno galego, das competencias que o noso Estatuto nos outorga en materia deportiva, porque Galicia exerce as súas competencias con responsabilidade, pero hai ámbitos, como o fiscal, onde se precisa que o Goberno central mova ficha”.