O Parlamento de Galicia amosou hoxe, a través dunha proposición non de lei do Grupo Popular, á que se opuxo o PSdeG e se abstivo o BNG, o seu rexeitamento frontal á proposta da Comisión Europea que dilúe a política de cohesión, centraliza a xestión dos fondos europeos e elimina criterios obxectivos e transparentes de asignación territorial. Neste sentido, esíxese ao Goberno central que incorpore de forma real e efectiva ás comunidades autónomas no proceso de negociación do futuro Marco Financeiro Plurianual, poñendo fin a calquera proposta unilateral e garantindo a transparencia e a lealdade institucional.
A deputada popular Kati Varela lembrou que a política de cohesión “constitúe a principal política de investimento da Unión Europea, co obxectivo de apoiar a creación de emprego, a competitividade empresarial, o crecemento económico, o desenvolvemento sustentable e a mellora da calidade de vida dos cidadáns en todas as rexións da Unión Europea”.
“Para Galicia, esta política foi determinante na modernización de infraestruturas, o apoio ao sector primario, o desenvolvemento rural e urbano, a mellora da conectividade, o impulso industrial e a corrección de desequilibrios estruturais derivados da dispersión territorial, o envellecemento demográfico e a transición económica”, sinalou a deputada popular.
Porén, lamentou que a proposta presentada pola Comisión Europea no Marco Financeiro Plurianual posterior a 2027 introduce un cambio de modelo que supón unha ameaza directa para a política de cohesión. “A concentración de fondos en instrumentos de carácter xeral, o reforzo de plans nacionais únicos e a tendencia a unha maior centralización na toma de decisións pon en risco a cohesión económica, social e territorial recollida nos tratados da Unión Europea”, sinalou.
O GOBERNO DE ESPAÑA, SEN POSICIÓN CLARA
Katí Varela apuntou que estas novas orientacións “non só debilitan o papel das rexións, senón que prexudican de forma directa a comunidades como Galicia, con realidades económicas, sociais e territoriais específicas que non poden ser atendidas mediante solucións uniformes desde enfoques centralizados”.
“Resulta especialmente preocupante que o Goberno de España non fixara nin fixera pública unha posición clara sobre esta cuestión, mantendo unha actitude de indefinición que debilita a defensa dos intereses das comunidades autónomas e xera incerteza sobre o futuro de políticas esenciais para Galicia”, sinalou a deputada popular. Ademais, anotou que “a ausencia dunha postura explícita por parte do Goberno central supón unha falla de transparencia e lealdade institucional, e coloca a Galicia e ao conxunto de comunidades autónomas nunha posición sen precedentes no proceso de negociación europea”.
E iniciativa aprobada hoxe solicita a defensa de xeito prioritario de sectores estratéxicos para Galicia, reclamando unha Política Agraria Común forte, estable e axeitadamente financiada, que garanta a viabilidade do sector agrario e o mantemento do medio rural; unha política pesqueira que respecte as especificidades das rexións costeiras, o peso socioeconómico do sector e a sostibilidade da actividade; e instrumentos específicos e suficientes para o desenvolvemento rural, a política urbana integrada, a industria, a innovación, o transporte e a conectividade, e a loita contra el reto demográfico.