O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se manifesta o rexeitamento a calquera proposta que implique unha redución substancial dos fondos europeos destinados ao sector agrícola e gandeiro no próximo Marco Financeiro Plurianual 2028-2034. Así, pídese ao Goberno de España que impulse unha posición común entre os Estados membros da Unión Europea para rexeitar a devandita redución e propoñer un financiamento adecuado que garanta os obxectivos da Política Agraria Común, ao tempo que defend no seo do Consello da Unión Europea o mantemento dun orzamento específico e suficiente con recursos equivalentes e homologables á actual Política Agrícola Común (PAC) e aos fondos FEAGA e FEADER.
O portavoz popular do Medio Rural, Miguel Ángel Viso, lembrou que a Comisión Europea presentou o pasado 16 de xullo a proposta de novo Marco Financeiro 2028-2034, que “suporá un cambio de modelo que afecta á esencia mesma da PAC porque propón diluír a política agraria nun fondo único, no que agricultura, pesca e cohesión territorial competirían polos mesmos recursos”.
80 MILLÓNS DE EUROS CADA ANO PARA GALICIA
“Esta reforma fai que a PAC deixe de ser política, porque pasaría a ser só un programa dentro dun plan único por Estado; deixe de ser agraria, porque outras materias poderán ter prioridade na repartición de fondos; e deixe de ser común, permitindo que cada Estado defina a súa propia orientación e intensidade, rompendo o principio de igualdade entre territorios”, manifestou.
En concreto, Viso indicou que se anuncia un recorte do 20 por cento nos fondos agrícolas de gandeiros, “o que en termos reais suporía para Galicia 80 millóns de euros menos cada ano, é dicir, 480 millóns menos no período 2028-2034 para investir en relevo xeracional, modernización, prevención do abandono, servizos no rural e transición sostible”.
Miguel Ángel Viso subliñou que “Galicia non se pode permitir a debilidade que está a amosar o Goberno de España na negociación desta nova PAC”, ante o que incidiu “en cinco puntos irrenunciables: rexeitamento absoluto a calquera recorte nos fondos agrícolas e gandeiros; mantemento da estrutura das axudas directas e o desenvolvemento rural; fronte común cos Estados con forte peso rural, para defender unha PAC autónoma e ben dotada; compromiso do Goberno central cun plan nacional específico, con fondos suficientes e certezas para o medio rural; e interlución permanente coas comunidades autónomas e co sector, porque esta batalla só se pode dar con transparencia, unidade e información compartida”.
Neste sentido, lamentou que “o Goberno de Pedro Sánchez non está á altura no momento” e criticou que “non está informando ás comunidades autónomas nin do avance das negociacións que manteñen en Bruxelas nin das posicións doutros estados membros”.
“O agro galego leva anos demostrando que é capaz de modernizarse, innovar, exportar e crear valor, pero tamén necesita estabilidade normativa, certezas orzamentarias e unha PAC forte como columna vertebral”, rematou.