O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se rexeita calquera proposta que implique unha redución substancial dos fondos europeos destinados ao sector pesqueiro no próximo Marco Financeiro Plurianual 2028-2034. Neste sentido, demándase unha posición común entre os Estados membros da Unión Europea con maior peso pesqueiro para rexeitar a devandita redución e propoñer un financiamento adecuado que garanta os obxectivos da Política Pesqueira Común, a sustentabilidade do medio mariño e o mantemento da competitividade e resiliencia do tecido socioeconómico do litoral europeo.
O portavoz popular do Mar, Miguel Fidalgo, lamentou “as noticias fondamente preocupantes coñecidas recentemente sobre a intención de propoñer un recorte do 67 por cento dos fondos europeos destinados ao sector pesqueiro no próximo marco orzamentario, unha redución que comprometería gravemente a viabilidade da adaptación de moitas explotacións pesqueiras e das comunidades que dependen directa ou indirectamente desta actividade, ao tempo que suporía un retroceso na capacidade de adecuación e consecución dos obxectivos comúns en materia de sustentabilidade, competitividade e seguridade alimentaria”.
“Para Galicia resulta irrenunciable contar cun fondo específico e cunha dotación suficiente para que o sector poida afrontar os desafíos que ten por diante e garantir así a sostenibilidade do sector marítimo-pesqueiro”, sinalou o portavoz popular, quen asegurou que “non imos permitir ser moeda de cambio para aplicar outras políticas, quedando o sector da pesca discriminado e prexudicado”.
Miguel Fidalgo afirmou que esta proposta orzamentaria “non é definitiva, xa que se abre un proceso longo de negociación que permitirá presionar para poder reverter ou suavizar os recortes”, porque coa proposta avanzada “Galicia será a comunidade máis prexudicada, como comunidade altamente dependente da actividade pesqueira”.