O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se reclama que o Goberno de España solicite á Comisión Europea que a revisión da prohibición da pesca de fondo se basee en informes científicos actualizados e sólidos, acompañados dunha avaliación socioeconómica sobre as comunidades costeiras galegas. Así mesmo, pídese un fondo europeo específico para a pesca suficientemente dotado e rexeitar os recortes anunciados no futuro marco financeiro plurianual.
O portavoz popular do Mar, Miguel Fidalgo, lembrou que “a decisión da Comisión Europea de prohibir a pesca de fondo en 87 áreas mariñas, adoptada en 2022, xerou unha gran preocupación no sector pola súa falta de base científica suficiente e pola ausencia dunha avaliación socioeconómica rigorosa”.
“Estas zonas de pesca do Atlántico Norte constitúen importantes caladoiros de diferentes frotas galegas, especialmente de portos galegos como Burela, Celeiro, Vigo, Ribeira ou A Coruña”, concretou. Ademais, a prohibición podería chegar a ter un impacto sobre máis dun milleiro de buques galegos, ben polo desprazamento de parte da frota das zonas de pesca vedadas a outras libres nas que xa faenan outras embarcacións, ou ben polo risco de que esas restricións medren no futuro.