O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co voto favorable dos deputados do BNG e do PSdeG, a través da que se solicita á Xunta a posta en marcha, ao longo do presente ano 2025, do Observatorio das Mulleres Rurais e do Mar, cunha sección do Mar e outra do Rural. Así mesmo, pídese que se axilice a creación dos Estatutos das mulleres do rural e do sector marítimo-pesqueiro, abrindo este mesmo ano o proceso de diálogo coas entidades representativas en ámbolos dous eidos.
A portavoz popular de Política Social, Raquel Arias, lembrou que a Lei galega 7/2023 para a igualdade efectiva de mulleres e homes prevé a creación do Observatorio das mulleres rurais e do mar como órgano colexiado de asesoramento, análise e seguimento da situación das mulleres rurais e do mar en Galicia.
En concreto, este Observatorio ten como funcións principais recompilar, analizar e intercambiar información relevante que permita coñecer mellor a situación das mulleres rurais e do mar na Comunidade galega, así como detectar as súas necesidades particulares; formular propostas e recomendacións sobre liñas estratéxicas e prioridades de actuación, e tamén medidas correctoras que se consideraren oportunas, para mellorar a situación das mulleres galegas que traballen no medio rural e no mar, especialmente no relativo ao seu acceso a postos directivos e de representación; propor ás consellerías con competencias en Medio Rural e en Mar a realización de investigacións e de estudos específicos que foren de interese, así como a realización de campañas de sensibilización, de visibilización e de apoderamento das mulleres rurais e do mar; e promover foros de comunicación e de debate que permitan o encontro e a reflexión.
O Observatorio das Mulleres Rurais e do Mar estará formado, ademais de por representantes do sector a diferentes niveis, por representantes e técnicos das diferentes consellerías, representante dos municipios, e expertos.
Raquel Arias indicou que “a Consellería de Política Social e Igualdade está traballando neste momento no decreto que regulará este Observatorio das mulleres rurais e do mar de Galicia, co que se pretende dar un pulo á participación das profesionais dos ámbitos pesqueiros e marisqueiro”. “O obxectivo é que antes de fin de ano o Observatorio estea creado e celebre a súa sesión plenaria constitutiva”, concretou.