O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio do BNG, a través da que se solicita ao Goberno de España que realice as modificacións modificacións legais pertinentes para que as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, así como os funcionarios de vixilancia aduaneira, gocen da consideración de profesión de risco, tanto a nivel estatal como europeo.
A viceportavoz popular, Paula Prado, lamentou que durante o pasado ano se produciran case 17.000 agresións a axentes da Garda Civil e da Policía Nacional, “un récord histórico amparado pola inmunidade da que gozan os agresores debido a que as consecuencias penais por este tipo de delito son irrisorias”. En concreto, explicou que o Código Penal castiga con penas de prisión de 1 a 4 anos e multa de 3 a 6 meses os atentados contra a autoridade, “pero realmente estas condenas adoitan reducirse a unha mera falta e unha agresión a un policía normalmente se salda cunha multa de 50 euros nun xulgado”.
PROTEXER A QUEN NOS PROTEXE
“Non é de recibo que todo isto aconteza ante a pasividade dun Goberno central que leva anos negándose a actuar e a facilitar os medios e os recursos necesarios para protexer a quen nos protexe, e que se tamén se nega a recoñecer as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado como profesión de risco, ao igual que o son outras profesións como a de operario ferroviario, artista, mineiro, persoal de voo ou bombeiro, ou os compañeiros que traballan nos Mossos d’Esquadra, a Ertzaintza ou a policía local ”, apuntou Paula Prado.
Deste xeito, a viceportavoz popular afirmou que “esta reiterada negativa do Goberno central a considerar profesión de risco ás Forzas e Corpos de Seguridade so se pode entender porque non valoran como corresponde o labor que realizan ou porque, o que é máis triste, non queren pagarlles o que lles corresponde no momento do seu merecido retiro”. Neste sentido, lembrou que aquelas persoas que teñan unha profesión de risco teñen a opción de solicitar a xubilación anticipada cobrando o 100 por cento da prestación.
Para rematar, Paula Prado criticou que “o BNG é cómplice desta situación cara quen arrisca a súa vida por protexer a dos demais”, porque “levaban no seu programa electoral das últimas eleccións autonómicas botar de Galicia á Policía Nacional e a Garda Civil, algo que pretenderon esconder e non puideron, e os galegos non se deixaron enganar pola súa ficticia moderación”.