O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno de España a creación dunha nova Brigada de Reforzo contra Incendios Forestais (BRIF) con base en Galicia, para mellorar o dispositivo de prevención e loita conxunta contra os lumes e poñer fin á situación de discriminación que se produce coa actual distribución das bases polo territorio.
O deputado popular Ángel Rodríguez explicou que as brigadas de reforzo en incendios forestais son unidades helitransportadas compostas por persoal altamente especializado na extinción de incendios. Estas unidades foron creadas en 1992 logo dos grandes incendios ocorridos en España ocorridos naqueles anos e que puxeron de manifesto a necesidade de crear unidades especializadas que actuaran como reforzo das comunidades autónomas en situacións de especial complexidade provocadas polo lume.
XUSTIFICACIÓN
Rodríguez xustificou a creación desta nova BRIF en Galicia logo do último análise decenal publicado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, no que se pon de manifesto que a rexión noroeste é a máis afectada, tanto en número de sinistros como en superficie afectada. “E neste ano 2025 o vimos claramente cos 673 lumes rexistrados no mes de agosto, dos que máis do 70 por cento foron intencionados”, apuntou.
Ademais, o deputado popular puxo de manifesto as especiais condicións da Comunidade galega para albergar esta nova BRIF, como os períodos con circunstancias meteorolóxicas extremas; as moi altas intensidades e velocidades de propagación dos incendios; a dispersión da poboación galega; a simultaneidade de moitos dos lumes forestais; ou a alta probabilidade de que os incendios se reproduzan en períodos de seca debido á textura e estrutura do solo.