O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se reitera ao Goberno de España a necesidade urxente de aumentar as prazas para cubrir os postos de secretarios, interventores e tesoureiros dos concellos galegos.
A deputada popular Felisa Rodríguez afirmou que “a falta de habilitados nacionais é un problema común que afecta aos concellos galegos”. En concreto, explicou que “os concellos galegos, polo seu tamaño e dispersión, teñen dificultades para a cobertura dalgúns postos de funcionarios, tales como secretario, interventor ou tesoureiro, departamentos cruciais nos concellos porque exercen o control da legalidade e da xestión económico-financeira e orzamentaria do municipio”.
Na actualidade, precisou que en Galicia existen 166 postos vacantes nestas tres subescalas, que os concellos galegos están cubrindo acolléndose a tres posibilidades: que as asuman altos funcionarios doutros concellos, que sexa cun nomeamento accidental dun funcionario de carreira do propio concello ou recorrendo á bolsa de interinos creada pola Xunta, “unha medida pioneira impulsada pola Administración galega enmarcada no compromiso e no apoio ás entidades locais”.
“A solución pasa por aumentar as prazas para cubrir os postos de secretarios, interventores e tesoureiros, polo que pedimos ao Goberno central que unha oferta de emprego público na que se inclúan a totalidade das prazas vacantes de cobertura de postos de funcionarios con habilitación nacional”, manifestou.
Felisa Rodríguez censurou que o Goberno central priorice transferir as competencias sobre habilitados ao País Vasco e Cataluña sobre a convocatoria dunha oferta pública de emprego estatal, “unha cesión que crea diferenzas inxustificadas con outras comunidades autónomas e diminúe a independencia destes funcionarios, ademais de levarse adiante en contra do propio colectivo, que xa a denunciou ante o Parlamento Europeo por considerala inconstitucional por romper o réxime estatal”.