O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non foi apoiada polo BNG, a través da que se solicita ao Goberno de España, en particular ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, que materialice canto antes a flexibilización dos requisitos de benestar animal relativos ao deseño das explotacións recollidos no Real-Decreto 1053/2022 e se acelere a tramitación e entrada en vigor da normativa que os modifica.
O deputado popular Enrique Barreiro asegurou que este Real-Decreto, polo que se establecen as normas básicas de ordenación das granxas bovinas, “non vai beneficiar á saúde dos animais, máis ben todo o contrario porque será un grave prexuízo para as ganderías, provocando o peche de moitas das que non poidan realizar as obras”.
EXPLOTACIÓNS VIVAS E RELEVO XERACIONAL
“Se queremos que estas explotacións sigan vivas e que haxa o relevo xeracional adecuado, temos que lexislar para que estes negocios sexan rendibles e non facerlles investir os seus beneficios en obras que para nada contribúen á calidade dos produtos, uns produtos que son os mellores do mercado español”, sinalou.
Enrique Barreiro explicou que este Real-Decreto “ven esixir de modo retroactivo modificacións na estrutura das explotacións sen valorar en ningún caso o confort dos animais, senón que ven homoxeneizar a estrutura das mesmas sen coñecer de modo algún as características propias de cada comunidade autónoma”.
No caso concreto de Galicia, lembrou que “un gran número de explotacións son pequenas ou medianas e moitas delas non teñen posibilidade algunha de facer estes cambios porque ou non dispoñen dos recursos necesarios ou non teñen o espazo físico necesario para facer os patios ou lugares exteriores”.
Ademais, apuntou que en Galicia “temos unha elevada humidade e épocas de moito frío, o que non é para nada beneficioso para os animais que están en semiextensivo ou non extensivo, xa que o único que lles vai aportar é estrés polo cambio ambiental, o que deriva nunha menor produción e diversos problemas de saúde, o que provoca un peor estado de benestar animal”.