O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno de España que tome con urxencia as medidas necesarias para garantir a continuidade do Programa de Auxiliares de Conversa, asegurando ao mesmo tempo que a súa aplicación non supoña un prexuízo económico para as comunidades autónomas.
A portavoz popular de Educación, Cecilia Vázquez, asegurou que o Programa de Auxiliares de Conversa “funciona, da resultados e está plenamente integrado no día a día dos centros educativos galegos”. En concreto, en Galicia vense desenvolvendo desde o ano 2009 e no presente curso participan arredor de 690 auxiliares de conversa, procedentes de 19 países e que prestan apoio en 791 centros educativos.
Ademais, Cecilia Vázquez dixo que “o esforzo económico principal para a realización deste programa asúmeo a Xunta, xa que, dun custo total aproximado de 5,2 millóns de euros, a Administración galega financia 4,8 millóns de euros, é dicir, arredor do 95 por cento do total”.
“O problema non está nin nos centros, nin no profesorado, nin nos auxiliares, senón que está na descoordinación interna do Goberno de España”, manifestou a portavoz popular, quen considerou “absolutamente incoherente que o Ministerio de Traballo, a través da Inspección, cuestione agora a figura do auxiliar de conversa como programa de intercambio cultural e pretenda impoñer unha relación laboral ordinaria no Réxime Xeral da Seguridade Social”.
Deste xeito, Vázquez manifestou que, “se o Goberno de España decide cambiar as regras de xogo, debe facelo con responsabilidade, con seguridade xurídica e asumindo as consecuencias”. “O que non pode facer é crear un programa, mantelo durante anos e poñelo en risco por pura descoordinación interna, trasladando o problema e a factura ás comunidades autónomas”, dixo.
En definitiva, Cecilia Vázquez asegurou que “esta iniciativa parlamentaria non pide privilexios, nin excepcións, senón unicamente que o Goberno de España coordine aos seus ministerios, aclare o marco xurídico e garanta a continuidade do Programa de Auxiliares de Conversa, sen prexuízo económico para as comunidades autónomas”.