O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co voto favorable dos deputados do PSdeG, a través da que se solicita ao Goberno de España que incremente, con carácter urxente, a dotación de recursos humanos e materiais co obxectivo de dar resposta eficaz á tramitación das solicitudes de homologación, de declaración de equivalencia ou de validación de títulos universitarios estranxeiros que están pendentes de resolución, tendo en conta ademais as recentes sentenzas do Tribunal Supremo.
O viceportavoz popular, Julio García Comesaña, considerou necesario que o Goberno de Pedro Sánchez “dote de máis recursos para poder facer fronte ao crecente número de solicitudes de homologación, equivalencia ou convalidación de títulos universitarios estranxeiros, axilizando a tramitación para dotar ao tecido produtivo do persoal cualificado necesario”.
Neste sentido, lembrou que “estamos a falar dunha competencia estatal, validada polo propio Tribunal Supremo, que suspendeu cautelarmente a vixencia do Real Decreto 366/2024 que transfería ao País Vasco as funcións de homologación e declaración de equivalencia de títulos superiores estranxeiros a un título universitario oficial español”.
FRUSTRACIÓN E DIFICULTADES ECONÓMICAS PARA OS AFECTADOS
García Comesaña lamentou que, a pesar de que o Goberno central aprobara en outubro de 2022 un Real-Decreto que prometía homologar os títulos nun prazo máximo de seis meses, “dous anos despois centos de milleiros de casos seguían pendentes de resolución, unha situación inasumible que causa frustración e dificultades económicas entre os afectados, e moitos deles teñen que traballar en empregos fóra da súa profesión mentres agardan pola homologación dos seus títulos”.
Na súa intervención, o viceportavoz popular explicou que as competencias da Comunidade galega limítanse á homologación dos títulos non universitarios, onde as cifras de tramitacións se duplicaron en só dous anos. En concreto, entre os anos 2022 e 2025 se homologaron máis de 18.000 títulos non universitarios procedentes de 113 países.
“Ademais, a pesar do incremento significativo de peticións que se rexistran ano tras ano, logrouse unha celeridade que permite resolver as solicitudes nun prazo de entre tres e cinco meses unha vez completado o expediente, o que avala a axilidade coa que actúa a Xunta neste eido para posibilitar que a poboación estranxeira que chega a Galicia poida emprender novos proxectos persoais e profesionais”, indicou.