O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita o impulso á formación das forzas e corpos de seguridade en materia de espectáculos e de seguridade en grandes eventos a través da Academia Galega de Seguridade Pública.
A deputada popular Felisa Rodríguez afirmou que “garantir a seguridade durante a celebración de grandes eventos debe ser a máxima que guíe a actuación das administracións públicas” e apuntou que “cumprir esa máxima leva necesariamente aparellado optimizar a coordinación entre administracións e entre os distintos equipos participantes, como Policía Local, Policía Nacional, bombeiros, protección civil e persoal de urxencias do 061”.
“Pero tamén é imprescindible que todos os profesionais que participen neste tipo de dispositivos especiais conten coa formación necesaria e coas ferramentas axeitadas para desenvolver o seu traballo coas máximas garantías”, sinalou a deputada popular.
Neste sentido, explicou que “os membros das forzas de seguridade precisan dunha formación continua para desenvolver o seu labor, para o que en Galicia contamos coa Academia Galega de Seguridade Pública, fundada en 1992 e coa súa sede no concello de A Estrada”.