O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita á Xunta de Galicia o impulso da recuperación das razas autóctonas galegas ameazadas, a través do deseño dunha estratexia común dirixida ao establecemento dun plan de axudas para a recría de femias e machos en favor dos gandeiros e gandeiras titulares das razas bovinas, ovina e cabrúa ameazadas.
O portavoz popular do Medio Rural, Miguel Ángel Viso, salientou que “nos últimos 20 anos e gracias ao apoio continuo da xunta e o compromiso das asociacións de criadores, conseguiuse frear o declive e incluso facer medrar os censos dalgunhas razas nun 1.000 por cento, como foi o caso da raza cachena, que pasou de apenas 82 reprodutoras en 1991 a máis de 1.600 en 2007”.
FREO DA RECUPERACIÓN
“Porén, esta recuperación freouse e, se non actuamos agora, corremos o risco de perder séculos de adaptación natural, de diversidade xenética e de saber facer rural”, alertou o portavoz popular, quen apuntou que “é hora de dar un novo pulo, porque os gandeiros e gandeiras precisan ferramentas, axudas e seguridade para continuar co labor de conservar e multiplicar estas razas”.
Miguel Ángel Viso manifestou que “estas razas non só producen carne, leite e ovos, senón que axudan na limpeza de montes, prevén incendios, aproveitan os terreos máis agrestes e alimentan a nosa gastronomía e o noso turismo”. “Ao mesmo tempo, as nosas razas autóctonas son un exemplo de sustentabilidade nun momento no que Europa aposta pola conservación da biodiversidade e pola loita contra o cambio climático”.