O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita que o Instituto Galego de Medicina Legal de Galicia (Imelga) asine convenios de colaboración coas escolas e facultades galegas que corresponda para poder recibir alumnos en prácticas.
A deputada popular Katy Varela lembrou que o Instituto de Medicina Legal é un órgano da Administración de Xustiza de Galicia que ten por misión prestarlle asistencia técnica aos tribunais, fiscalías e xulgados en materia de medicina forense. A importancia do seu traballo tradúcese nas máis de 25.000 probas periciais que realizou ao longo de 2023, constatando un incremento constante de peticións.
Katy Varela manifestou que os convenios do Imelga coas universidades ou centros de formación profesional “están contemplados no seu propio regulamento e permiten dar visibilidade ao traballo que estes profesionais realizan ao servizo da xustiza e que profesionais que van iniciar a súa andadura profesional coñezan outro ámbito no que desenvolver a súa carreira profesional”.
EMPATÍA E SINERXIAS
Así mesmo, estes convenios tamén serven para “promocionar o propio instituto, que, en ocasións, ten dificultades para renovar a planta de traballadores ou cubrir determinadas prazas, especialmente de médicos forenses”. “En definitiva, posibilitan establecer redes profesionais, empatía e sinerxias para o desenvolvemento de futuros proxectos”, asegurou.
“Hai que ter presente tamén que a universidade aporta ao Imelga o soporte investigador e de coñecemento a través do seu depósito bibliográfico, e permite abordar proxectos transversais que melloran a calidade pericial e impulsan o coñecemento social das ciencias forenses”, rematou.
Finalmente, á proposición non de lei do Grupo Popular engadiuse unha emenda do Grupo Socialista a través da que se solicita que se continúe impulsando a formación especializada en materia de violencia de xénero aos equipos psicosociais especializados do Imelga que asisten aos xulgados, así como a capacidade para a identificación das violencias sexuais.