Santiago, 5 de abril de 2022.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, á que se abstiveron o BNG e o PSdeG, que inclúe 28 medidas, 14 dirixidas ao Goberno de España e outras 14 á Xunta, para facer fronte á crise inflacionista e ás consecuencias derivadas da invasión de Ucraína.
O portavoz popular, Pedro Puy, explicou que “se trata dunha serie de medidas para adoptar con rapidez e que dan resposta ás necesidades dos sectores e á poboación en xeral, froito do diálogo e de recoller as súas propostas”.
En concreto, Puy desglosou as medidas en varios apartados, seguindo as recomendacións que os principais expertos económicos están a facer e tendo en conta as competencias do Estado e da Comunidade galega: baixada dos impostos e do prezo da enerxía; no ámbito da política fiscal; axustes estruturais; e medidas para os sectores máis afectados.
O primeiro deles vai dirixido a levar adiante unha baixada de impostos na enerxía, polo que se solicita ao Goberno de España reducir os gravames existentes na electricidade, o gas, a gasolina e o gasóleo, así como “rectificar a política enerxética abrupta que vén levando a cabo e apostar por unha transición planificada, proporcional e xusta”.
AFORRO ENERXÉTICO E MEDIDAS FISCAIS
Entre as medidas dirixidas ao aforro enerxético dirixidas á Xunta figuran activar o bono social térmico para axudar aos fogares en situación de vulnerabilidade; reforzar as medidas activas no plan de aforro enerxético para as familias; ampliar o programa Renove automoción para seguir fomentando a compra de vehículos eficientes; activar o bono Enerxía Peme, dirixido a comercios, hostalería e pemes para equipos que reduzan o consumo enerxético; e facer unha inxección extraordinaria para blindar o transporte público por estrada fronte á suba dos carburantes.
Dentro do ámbito fiscal, o portavoz popular enumerou medidas para a súa posta en marcha por parte do Goberno central, como reverter o incremento xeneralizado de impostos, descartando a implantación de peaxes nas autovías; aplicar unha cogobernanza real dos fondos de recuperación Next Generation coas comunidades autónomas e axilizar a súa execución mediante criterios de selección xustos e transparentes; ou reducir o gasto improdutivo nos orzamentos do Estado.
A proposición non de lei inclúe, ademais, axustes estruturais no Estado, impulsando un plan nacional de produtos estratéxicos para garantir a subministración de produtos básicos á poboación; e flexibilizando a normativa de contratación pública, así como das medidas de limitación de importación de materias primas para o sector transformador de produtos do mar.
SECTORES PRODUTIVOS
Por último, no que respecta ás axudas aos sectores produtivos, a proposición non de lei demanda unha flexibilidade anual das cotas de pesca e a exención temporal das cotizacións á Seguridade Social nos sectores máis afectados pola elevada inflación e as consecuencias da invasión de Ucraína.
Por parte da Xunta, pídese que se axude ás pequenas e medianas empresas cunha nova liña de avais do Igape destinada a cubrir as necesidades de liquidez; prestamos directos para a industria manufactureira; activar o bono turístico como efecto dinamizador do consumo interno; inxectar liquidez aos sectores gandeiro e do mar; crear o Observatorio da cadea alimentaria galega e a Axencia de información e control alimentario de Galicia; poñer en marcha o Observatorio lácteo; e activar medidas económico-administrativas que sirvan como compensación aos profesionais do mar, mediante o pago de dous meses das taxas portuarias.